ALERTA ESCOLAR

Definición: 
Alerta Escolar é un conxunto organizado de accións administrativas, informativas e operativas que pretende achegar unha atención sanitaria inmediata e eficaz a todos os nenos escolarizados de entre 0-16 anos, que padecen patoloxías crónicas susceptibles de descompensación con compromiso vital: 
 • Crises alérxicas (anafilaxia) por exposición a alérxenos normalmente alimentarios. 
• Crises comiciais (epilepsia nas súas diferentes formas). 
• Crises diabéticas (en xeral, hipoglucemias). 

Obxectivo: 
Alerta Escolar pretende a coordinación entre o profesorado (facendo que sexa capaz de recoñecer a emerxencia médica provocada por un cadro agudo das patoloxías descritas, e de prestar unha primeira atención mentres chegan os recursos adecuados), e a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Funcionamento: 
Tras recibir unha alerta, o recoñecemento do paciente inscrito nunha base de datos e o acceso inmediato ao seu historial clínico, posibilita acadar un alto nivel de eficacia e unha racional utilización dos recursos dispoñibles para a atención da emerxencia. Á vez, o profesor responsable designado en cada caso é dirixido por un médico desde a Central de Coordinación na asistencia do neno afectado, podendo, se é preciso, administrarlle, de maneira precoz, unha medicación pautada de antemán, que é conservada e custodiada no centro escolar. 

 Material audovisual explicativo do programa alerta escolar: 
 Caracteristicas do programa Alerta Escolar 
 Preguntas sobre Alerta Escolar 
Como chamar ó 061 
Como administrar Adrenalina intramuscular 
Como aplicar Stesolid rectal 

Como inscribirse: 
Todos os centros de ensinanza obrigatoria de Galicia, xunto coas escolas da rede pública da Xunta de Galicia no proceso de admisión do alumnado, facilitan a nais, pais ou titores, a documentación necesaria para incluír aos seus fillos no Programa Alerta Escolar, no caso de que padezan algunha das citadas patoloxías crónicas. 
A solicitude deberá ir acompañada dun informe médico da patoloxía do neno/a, incluíndo no mesmo a medicación que será necesaria administrar en caso de crise aguda. Os profesionais de pediatría, poden igualmente solicitar a inclusión dos nenos/as neste programa ao detectar as patoloxías incluídas no mesmo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

PROMOCIÓN DA SAÚDE MENTAL: ÚLTIMA SESIÓN FPB

BLOGS ORIENTACIÓN