Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Outubro, 2018

FORMACIÓN MEDIACIÓN-ÚLTIMA SESIÓN

Imaxe
Onte tivemos a última sesión do curso de formación de mediadoras/es deste ano. Que rápido se pasou! Tras 4 sesións connosco, Bibiana, de Alicce, acudiu ao IES para facer novas dinámicas grupais e ensinarnos os papeis das persoas mediadoras con simulacros de conflitos a mediar. Temos que agradecer o bo facer de Bibiana e a súa implicación. O alumnado quedou moi contento cos seus diplomas e quixemos agasallala cunha chapa do equipo. Agora comeza unha nova fase de práctica e aprendizaxe xunto cos mediadores/as máis experimentados.  Contamos así cun equipo de 20 mediadores no Floriani, do que estamos moi orgullosas!

ABAU 2019

Imaxe
A Consellería ven de publicar as datas oficiais da Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade  2019 (ABAU), que serán para a convocatoria ordinaria os días 12, 13 e 14 de xuño e a convocatoria extraordinaria os días 10, 11 e 12 de xullo. Podedes ampliar a información na páxina web da Consellería de educación:

LESIÓNS MEDULARES-COGAMI

Imaxe
Cogami , Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, ofreceunos hoxe unha charla acerca das lesións medulares. Dende a sede de Vigo acudiu ao IES Xulia Garrido, traballadora social, que xunto con Iván, usuario con mobilidade reducida por tetraplexia, explicaron que é unha lesión medular, tipos (tetraplexia, paraplexia) cales son as principais causas destas e as súas consecuencias, ademais de datos de interese como a incidencia por idades e xénero e nas distintas provincias galegas.  Iván contou, con gran xenerosidade, a súa experiencia como persoa cunha discapacidade adquirida debido a unha lesión medular aos 19 anos, cando se bañaba nun río no cal non se distinguía ben o fondo. Falounos da importancia das persoas que traballan como asistentes persoais, como Noemí, a súa acompañante nesta xornada e presente a diario na súa vida.  Os vídeos sobre a película "Intocable" (que recomendamos sen dúbida) e sobre certas barreiras que padecen persoa

SAÚDE MENTAL-ASOCIACIÓN LENDA

Imaxe
Hoxe tivemos connosco a Maica, psicóloga da Asociación Lenda de Redondela, que acudiu ao IES con motivo do pasado Día da saúde mental (10 de outubro) para continuar con actividades de divulgación e promoción de hábitos saudables. Levou a cabo unha actividade a modo de xogo, na que o alumnado participou activamente na definición de condutas saudables ou positivas para manter unha boa saúde mental (zona verde) ou aquelas outras prexudiciais (zona vermella). Participaron grupos de 1° ESO e 1° Ciclo Medio de Administración, e recibiron un agasallo de parte de Maica pola súa implicación. Lenda pertence á Federación FEAFES, da que vos deixamos información en publicacións anteriores.  Esperamos seguir colaborando con eles para coñecer o labor tan importante que levan a cabo. Grazas!

XORNADA DE CONVIVENCIA-EQUIPO MEDIACIÓN

Imaxe
Aproveitando o comezo do cur so e previo a esta fin de semana longa, fixemos unha xornada de convivencia fóra do IES, para coñecernos un pouquiño máis. O alumnado do curso pasado e o novo alumnado mediador, en formación, viaxou conxuntamente cara ao baixo miño. Almorzamos en A Ramallosa, pasamos por Baiona, admiramos a beleza do mar en Oia e tivemos unha visita guiada ao castro de Santa Trega e ao Museo arqueolóxico do mesmo monte. Foi moi interesante e ademais disfrutamos dunhas vistas espectaculares. Baixamos despois ao pobo de A Guarda e comimos no seu porto, desfrutando do día tan soleado que quedou. Grazas a todas/todos pola vosa simpatía como sempre. Botamos moito de menos aos que non puideron vir hoxe, Sofía, Lucía e Sergio, e aos xa veteranos Raquel, Irene e Mera. Unha aperta grande!

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Imaxe
Hoxe conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, centrado este ano na mocidade e na educación inclusiva. Deixámosvos información moi interesante neste artigo da federación FEAFES GALICIA

PRIMEIRA SESIÓN DA FORMACIÓN DE MEDIADORES/AS

Imaxe
Hoxe, luns 8 de outubro, tivemos a primeira sesión do curso de formación de novo alumnado mediador. Tras a comida no patio, subimos á aula onde Bibiana, de Alicce Formación , explicounos en que van consistir estas catro sesións do mes de outubro, fixemos dinámicas grupais para coñecernos mellor e vimos os coñecementos previos que temos acerca da mediación. Seguiremos coa formación do novo alumnado para despois pasar xa a formar parte do equipo creado en anos anteriores. O equipo de mediación é unha das propostas que temos no IES para a mellora da convivencia no centro. Esta formación inclúese no presuposto solicitado no Plan de mellora da convivencia , dentro dos Contratos-Programa da Consellería.

FORMACIÓN DE MEDIADORES/AS 18-19

Imaxe
Este mes de outubro comezamos cunha nova formación de alumnado mediador no IES. Será os próximos luns a mediodía, onde as coordinadoras do equipo quedaremos a comer cos alumnos e alumnas e seguiremos a formación da docente de Alicce. Estamos moi contentas e orgullosas de seguir ampliando o equipo. Grazas a todas e todos por contribuír á mellora da convivencia no Floriani!